Monday 29 de April de 2024

O Concello prepara catro novos programas para favorecer a inserción laboral de 240 persoas desempregadas


A área de Personal solicita a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar para contratar 44 persoas desempregadas e 46 que son perceptores da Risga

O Concello da Coruña realizará este ano novas edicións do taller de emprego San Amaro, onde 30 desempregados recibirán formación de albanelaría e pintura, e do programa Posto a Posto, co que colabora na inserción laboral de 120 alumnos a través de itinerarios personalizados; ao tempo que solicitará a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar para a contratación tanto de persoas que están no paro como aquelas que son receptoras da Risga. A Xunta de Goberno Local aprobou a execución destes catro programas nos que poderán participar un máximo de 240 persoas, cun investimento final dun millón de euros.
SAN AMARO
O primeiro dos cursos formativos proposto pola Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid corresponde á terceira fase do taller de emprego San Amaro, no que está previsto que participen 30 persoas desempregadas, preferentemente mulleres, e que se desenvolverá durante 6 meses a partir do 1 de setembro. Esta iniciativa xa tivo un grande éxito en edicións anteriores cun total de 42 participantes entre os talleres organizados para o curso 2013-2014 e os que se están a executar en 2014-2015.
O investimento total neste proxecto é de 326.083,20 euros. Na Xunta de Goberno Local celebrada onte, acordouse solicitar a colaboración da Xunta, a través da Consellería de Traballo eBenestar, para que achegue 266.083,20 euros, que se sumará aos 60.000 euros que xa ten previstos o Concello como entidade promotora.
O taller de emprego San Amaro III pretende a contratación de 30 desempregado -sen contar os seis especialistas que conforman o persoal técnico do curso- durante 6 meses e ten como obxectivo formar homes e, sobre todo, mulleres nas profesións de pavimento e albanelaría de urbanización e en pintura industrial en construción. Para ambas as dúas especialidades, todos os participantes poderán obter un certificado de profesionalidade de nivel 2.
En cada un dos cursos participarán 15 persoas desempregadas que, dende o próximo 1 de setembro, simultanearán a formación teórica coa práctica profesional a través de traballos de acondicionamento no camposanto municipal -medidas recollidas no plan director do cemiterio de San Amaro-. En total, entre as clases teóricas e prácticas, o curso para cada alumno consta de 960 horas.
POSTO A POSTO
A Xunta de Goberno Local acordou solicitar á Consellería de Traballo e Benestar a súa colaboración nun segundo proxecto da área que dirixe Luisa Cid. Neste caso, a subvención contribuiría a desenvolver o servizo de emprego Posto a Posto 2015-2016, cun investimento final de 171.599,95 euros -en concreto, 136.997,16 euros por parte da Xunta e 34.602,79 euros procedentes das arcas municipais-.
Este servizo de emprego busca mellorar a ocupación e a inserción laboral de persoas desempregadas a través de itinerarios personalizados durante un prazo aproximado dun ano, entre xullo de 2015 e xuño de 2016. Así, o programa Posto a Posto contribúe a analizar o mercado laboral na cidade e a área metropolitana para que os 120 participantes conten cos recursos humanos, técnicos e organizativos necesarios para buscar un emprego por conta propio ou allea. Con este proxecto, o Concello da Coruña tamén busca fomentar o carácter emprendedor, ofrecer un sistema de formación técnica e práctica á carta, e contribuír á consecución da titulación básica obrigatoria a aquelas persoas que non a teñan.
A través destes itinerarios personalizados, analízase primeiro a situación de cada un dos participantes, paso previo indispensable ao deseño e a elaboración deste itinerario individualizado, onde se imparten os módulos máis axeitados para cada alumno (entre outros, cursos de informática, de redes sociais, para auxiliares de almacén ou de comercio, ou cursos de manipulación de alimentos). A continuación, realízase un traballo personalizado de información e orientación laboral e efectúanse prácticas en empresas.
Esta nova edición de Posto a Posto diríxese sobre todo a maiores de 45 anos (o obxectivo é que o 50% das prazas sexan cubertas por este segmento de poboación). Na edición que se está a desenvolver na actualidade trabállase sobre todo con mozos menores de 30 anos. Dende o ano 2011, participaron un total de 480 persoas nestes itinerarios personalizados, onde o grao de inserción laboral supera o 50%.

CONTRATACIÓN DE DESEMPREGADOS
A Xunta de Goberno Local tamén sacou adiante dúas propostas da área de Persoal para solicitar á Consellería de Traballo e Benestar a súa colaboración para a contratación de 44 persoas desempregadas e de 46 que son perceptores da Risga.
Coa aprobación dende A Coruña da solicitude de subvención á Xunta para contratar traballadores desempregados, o Concello busca ofrecer unha oportunidade laboral a 44 persoas que axudarán na realización de actividades e proxectos de diferentes departamentos municipais durante un prazo de 3 e 6 meses en función da actividade para a que se lles contrate. En concreto, ocuparán postos de animadores socioculturais, conserxes de museos e centros cívicos, oficiais de Protección Civil, técnicos para a revisión de plans de autoprotección ou realizarán traballos de conservación e mantemento en proxectos desenvolvidos pola área de Infraestructuras. Para a súa contratación, o Goberno municipal solicita 196.562,70 euros á administración autonómica.
O segundo acordo que presentou o departamento de Persoal á Xunta de Goberno é para solicitar a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar á hora de contratar 46 persoas desempregadas perceptoras da Risga e que, durante 7 meses, traballarán como auxiliares, conserxes, peóns forestais, obreiros e operarios de mantemento. Para realizar estas contratacións, a subvención que pedirá o Concello alcanza os 311.304,60 euros.